O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas que permitirán adiantar aos agricultores e gandeiros galegos uns 200 millóns de euros das achegas da Política Agraria Común (PAC), subvencionando os xuros cun custo para a Xunta de 3,4 millóns. Así, a Xunta asinou un convenio de colaboración con diversas entidades financeiras para a formalización dos préstamos preferentes para o anticipo da PAC. Este acordo permite abrir unha liña de empréstitos de interese a tipo cero a favor dos agricultores e gandeiros solicitantes destas achegas da PAC correspondentes a 2022. Nestes préstamos regúlase unha comisión inicial de apertura do 2% do seu importe, que subvencionará a Consellería do Medio Rural, con cargo aos seus orzamentos.
Polo tanto, poderán beneficiarse destas axudas os solicitantes da PAC que cumpran os requisitos legalmente establecidos, entre eles o de ter subscrito un préstamo do anticipo da PAC 2022 con algunha das entidades financeiras asinantes do convenio coa Xunta. As axudas son tanto para os agricultores e gandeiros que soliciten a partires de agora o préstamo como para os que xa o teñan asinado con anterioridade. As solicitudes do adianto poden facerse nas propias entidades financeiras que figuran no anexo IV da orde.
A campaña da PAC de 2022 en Galicia ten un orzamento total de arredor 210 millóns de euros, dos cales 170 millóns correspóndense cos pagamentos directos e 40 millóns de euros coas medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas), cun aumento de cinco millóns de euros nestas últimas con respecto á anterior convocatoria.
Neste senso, prevese que uns 25.000 agricultores e gandeiros se poidan beneficiar destas achegas, que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) e que son de gran interese para o sector primario. Grazas a estas axudas conséguense reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que se potencia os agricultores realmente activos e prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente.
Comments