A Xunta e o Concello de Frades avanzan na mellora da ETAP de Ponte Carreira e anuncian novos investimentos en infraestruturas
- Crónicas da comarca
- 7 may
- 2 Min. de lectura
Actualizado: hace 6 días

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo hoxe unha reunión de traballo co alcalde de Frades, Roberto Rey, e co concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro, para analizar diversos proxectos en marcha e futuros investimentos no municipio.
Entre os asuntos abordados destacou o proxecto de reforma da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Ponte Carreira, que se atopa actualmente en fase de supervisión técnica por parte de Augas de Galicia. Segundo informou o alcalde, o Concello trasladará nos próximos días os últimos axustes técnicos solicitados pola Xunta, co obxectivo de poder executar a actuación canto antes.
A delegada anunciou tamén que as obras do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) no camiño municipal OAR, en Abellá, comezarán nos próximos 15 días, cun investimento próximo aos 100.000 euros. No encontro tamén se repasaron outras necesidades do concello e o estado das colaboracións coas distintas áreas da Xunta.
O rexedor informou da solicitude de dúas actuacións no marco da orde Infraestruturas: unha en solitario, para a mellora do viario entre Castiñeiro e Redondo, cunha axuda de 50.000 euros, e outra conxunta con Oroso, para mellorar a seguridade viaria en Añá, por 40.000 euros.
Ademais, Frades solicitou ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental Competitiva (FCA) unha subvención de 48.000 euros para a posta en marcha dun servizo de protección ambiental, en colaboración co Concello de Ordes.
No ámbito da eficiencia enerxética, o Concello rematará este ano as melloras no edificio multiusos, financiadas con case 60.000 euros de fondos FEDER 24-25, e solicitou tamén 119.000 euros para optimizar a eficiencia enerxética no centro de saúde de Ponte Carreira nos anos 2025-2026.
Belén do Campo destacou “a importancia de manter un diálogo constante cos concellos e coñecer de primeira man as súas necesidades, co obxectivo de impulsar iniciativas que realmente melloren a calidade de vida da veciñanza”.
Comments