top of page

A Xunta licita o centro sociocomunitario de Tordoia



O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse está mañá con alcalde de Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro, para informarlle da licitación do novo centro sociocomunitario e ambiental. A actuación conta cun orzamento de algo máis de 346.000 euros e terá un prazo de execución de 10 meses.

Esta nova infraestrutura emprazarase no núcleo urbano de Pontepedra, ao carón doutros servizos da localidade como son o centro escolar, a Casa do Concello, o centro de saúde e o centro deportivo.


O edificio, cun proxecto de arquitectura sostible, contará cunha superficie construída de 360 metros cadrados en planta baixa e combinará os espazos verdes coas salas para uso das veciñas e veciños.


Disporá de auditorio, sala da natureza, zona de recepción, despachos, aseos e patio exterior, entre outras estancias. A intención do Concello é dedicalo especialmente ás persoas maiores.


Plan Hurbe

Esta actuación execútase ao abeiro do Plan Hurbe, posto en marcha polo Goberno da Xunta, consciente da importancia que ten para os concellos a materialización de determinados proxectos urbanísticos para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e dinamizar determinadas zonas. Neste sentido, os equipamentos urbanos desempeñan un papel fundamental como factor dinamizador para o desenvolvemento social e cultural da sociedade e son, ademais, elementos estruturais da contorna.


Asemade, este tipo de intervencións dan cumprimento ao reto do Goberno galego de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades galegas, como parte da identidade de Galicia, e son unha mostra da importancia de establecer lazos de colaboración cos municipios en proxectos que, coma este, buscan mellorar e potenciar espazos públicos xa existentes para facilitar a accesibilidade aos mesmos e poñer en valor certas zonas.


Trenor destacou que este tipo de colaboracións cos concellos permiten intervir sobre os equipamentos urbanos, tamén se axuda a frear o despoboamento do rural, xa que se potencian as infraestruturas, os servizos e as dotacións municipais e, en definitiva, se melloran o benestar e a calidade de vida da poboación das vilas e cidades galegas.

Commentaires


bottom of page