A Xunta mellora a rede viaria de Falmega e o Curro (Oroso)
- Crónicas da comarca
- 2 dic 2022
- 2 Min. de lectura

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, visitou hoxe as obras de mellora da rede viaria dos lugares da Falmega, na parroquia da Gándara, e do Curro, en Vilarromarís, pertencentes ao concello de Oroso, para as que se concedeu unha axuda total de preto de 50.000 euros, ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023.
Así, a finalidade destas axudas é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, incluíndo actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes.
Este investimento entra dentro do orzamento total da última convocatoria destas axudas, que foi de preto de 18 millóns de euros. Cabe destacar, ademais, que a provincia da Coruña foi a de maior dotación con máis de 5 millóns de euros para 195 actuacións en preto de 160 quilómetros de vías. De cara ao 2023, investiranse 19,7 millóns de euros nestas achegas.
O obxectivo do plan é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das principais vías de comunicación e doutras infraestruturas. Estes camiños facilitan o acceso ás 30.000 entidades de poboación nas que se asentan as vivendas da poboación rural e supoñen as canles de entrada e saída das producións agrarias que precisan os negocios das respectivas contornas. Por iso, a Xunta quere promover con estas actuacións a accesibilidade e vertebración do territorio, dinamizando o tecido produtivo ao contribuír á mellora da capacidade organizativa destas áreas rurais.
Para chegar a cada un dos concellos da comunidade, establecéronse unha serie de criterios de distribución das asignacións económicas que foron previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Estes criterios determináronse con base en indicadores obxectivos, a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos, co fin de garantir unha repartición equitativa entre a totalidade de concellos. A estas variables incorporáronse factores correctores vinculados á superficie do concello, ao peso do agro no municipio e ao grao de despoboamento e de envellecemento. Ademais, prevese un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados.
Comments