top of page

Aparece sen vida a muller desaparecida en Oroso



A muller desaparecida en Oroso, desde o mes de decembro, apareceu sen vida, a pasada tarde, na localidade de Val do Dubra. María Asunción Cardama, de 63 anos, levaba un mes en paradoiro descoñecido.


O 112 Galicia tivo constancia dos feitos, ás 20:15 horas, mediante a chamada dos membros de Protección Civil de Val do Dubra. Estes, tras recibir un aviso dunha persoa particular dun posible corpo nas proximidades do río Tambre, achegáronse ata o lugar de Cerradelo a comprobalo, xa que se trataba dunha zona de difícil acceso.


De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) alertaron á Garda Civil e, por se fosen precisos, aos Bombeiros dos parques de Santa Comba e Santiago.


Unha vez no lugar, as forzas da orde confirmáronlle ao 112 Galicia que a identidade da vítima se correspondía coa da muller desaparecida, o pasado mes, no concello de Oroso.


No operativo de busca da muller, coordinado desde o día 5 de decembro polos axentes da Garda Civil, participaron os drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a Unidade Canina de Rescate de Padrón e unha aeronave subacuática non tripulada do Servizo de Gardacostas de Galicia, xunto con familiares, veciños e membros das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Oroso, Santiago, Ames, Negreira, Teo, Val do Dubra e Boimorto.

Comments


bottom of page