O Concello de Oroso informou esta mañá de 24 casos activos de COVID-19 no municipio, o que representa un descenso de tres fronte aos confirmados onte. Son datos que reciben das xerencia da área sanitaria. Todos estes pacientes están recuperándose nos seus domicilios, sen que polo momento sexa necesario proceder ao ingreso de ningún.
Segundo os datos tamén de hoxe da Consellería de Sanidade da Xunta, o Concello de Oroso atópase nun nivel de alerta epidemiolóxica 1 (amarelo). Isto significa entre 7 e 14 casos novos positivos de coronavirus confirmados por PCR nos últimos sete días.
A pasada medianoite entraron en vigor as novas medidas da Xunta de Galicia para facer fronte á pandemia do coronavirus en 60 concellos galegos, entre eles Oroso, que se prolongarán un mes.
Dende o Concello din ser conscientes da situación provocada polo novo peche á hostalería, que lamentan, así como as limitacions no comercio. A institución local reitera o seu apoio a ambos sectores e esperan que axiña recuperen a normalidade.
O Concello de Oroso fai de novo un chamamento á responsabilidade veciñal, xa que "é fundamental respectar todas as recomendacións sanitarias". "As próximas semanas son fundamentais para frear o ritmo de contaxios e a presión hospitalaria", recordan.
Kommentare