Os Reis Magos chegarán a Frades este xoves 5 de xaneiro, onde ás 16:00 horas participarán nunha cabalgata polas rúas de Ponte Carreira e despois tomarán parte nunha gran festa de Reis no polideportivo municipal ata as 20:00 horas. Deste xeito, o Concello de Frades retoma a normalidade con esta celebración, despois de dúas edicións condicionadas pola pandemia sanitaria.
O desfile comezará ás 16:00 horas. As Súas Maxestades chegarán en pick-up acompañados por Mickey Mouse, Minnie Mouse e Chase, da Patrulla Canina, e percorrerán o centro de Ponte Carreira. Tras un primeiro contacto coa rapazada, a comitiva partirá cara o polideportivo municipal de Ponte Carreira acompañada polas persoas asistentes á cabalgata.
Á entrada do polideportivo municipal haberá un canón de neve, onde os nenos e nenas poderán xogar mentres Melchor, Gaspar e Baltasar preparan a súa entrada nas instalacións, que terá lugar en torno ás 17:00 horas. Ademais da Recepción Real dos Reis Magos a toda a rapazada, o pavillón municipal acollerá unha gran Festa de Reis con inchables, animación, bailes, xogos, obradoiros e mascotas.
O Concello de Frades repartirá lambetadas a toda a rapazada presente así como chocolate con roscón para todas as persoas asistentes. A participación é libre e de balde, sen que sexa preciso ningún tipo de inscrición previa.
Comments