top of page

Cambios no goberno de Oroso



O grupo de goberno do Concello de Oroso reordenou as súas competencias e responsabilidades co obxectivo de afrontar a segunda parte da lexislatura co reto de recuperar a normalidade tras a pandemia. Luis Rey Villaverde, quen asumiu a alcaldía recentemente tras a renuncia do veterano Manuel Mirás, exercerá tamén as competencias de Economía e Facenda, Urbanismo, Seguridade Cidadán, Tráfico e Protección Civil. Pola súa parte, o novo concelleiro, José Calvo Rey, ocuparase de Obras, Servizos e Medio Ambiente.


Antonio Leira será concelleiro de Deportes, Promoción Económica, Emprego, Turismo, Parques Infantís e Comunicación; Vanesa Boo de Cultura, Comercio, Industria e Actividades Lúdicas, e Isabel Fernández de Mulleres, Ensino e Benestar Social. Beatriz Rodeiro terá as responsabilidades de Sanidade, Réxime Interior, Persoal, Patrimonio, Voluntariado, Xuventude e Mobilidade, e Javier Grela será concelleiro de Relacións Veciñais, Parroquias, Medio Rural e Xardíns.


Nunha carta aos veciños e veciñas feita pública esta semana, Luis Rey fala dos próximos meses: “Desde que tomei posesión, son moitas as persoas que me preguntan polos proxectos que teño en mente para Oroso. Os teño, por suposto, pero ninguén debe esquecer que o principal reto a curto e medio prazo debe xer deixar atrás esta pandemia do coronavirus”.


“Como alcalde do Concello de Oroso, ese é o meu primeiro obxectivo: axudar en todo o que poida para deixar atrás a Covid-19 e recuperar a normalidade. Dentro das nosas competencias, continuaremos impulsando medidas e axudas para reactivar a economía e axudar aos sectores máis afectados pola pandemia. Nunca é suficiente, somos moi conscientes”, engade.

Comments


bottom of page