top of page

Cerceda, posible novo destino da planta de Ence de Pontevedra


Durante a súa visita en Galicia, a vicepresidenta terceira do Goberno central e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, pediu á Xunta implicación para lle atopar un novo emprazamento á planta de Ence de Pontevedra, despois de que a Audiencia Nacional anulase a prórroga que Mariano Rajoy concedeu en 2016 á empresa para permanecer na ría ata o 2073. Á espera do que decida o Tribunal Supremo, o Ministerio ve con bos ollos o traslado grazas aos fondos covid europeos.


A ministra Ribera recoñece que están "a traballar nesta cuestión" e recoñece que hai "preocupación" entre os traballadores de Ence. Na súa visita a Galicia, Teresa Ribera declarou onte que sería máis fácil trasladar a fábrica a unha zona de transición xusta, que son aquelas que recibirán fondos europeos polo peche de industrias no contexto da descarbonización. En Galicia iso significaría resituar a fábrica pontevedresa ou ben en Cerceda, por Meirama, ou ben nas Pontes de García Rodríguez, onde a central de Endesa vai camiño do desmantelamento.


Teresa Ribera lembrou onte que "hai moitas persoas que traballan directamente na planta" e esta promoveu "unha economía forestal que nos interesa enormemente".



Comentarios


bottom of page