O Concello de Cerceda presentou onte o cartel oficial da Feira das Nenas, que terá lugar o domingo 17 de abril na Silva, despois do parón obrigado a causa da pandemia. Novamente, o evento contará con competicións ecuestres e espectáculos musicais, de maxia ou de motor. A festa rematará con fogos artificiais ás 23h e a posterior actuación da orquestra París de Noia, que previamente terá outro pase ás 21h.
Durante a festa haberá tempo para as ruadas e pasarrúas con gaiteiros e charangas, o reparto de bolos preñados nos bares da Silva e a sesión vermú de Tania Veiras ás 14h. Pola tarde actuará o mago e ilusionista Cayetano Lledó e ás 17h presentarase a Parella da Feira das Nenas 2022, conformada por María Mera e Brais Doval. Paulo Martinho fará unha exhibición de freestyle co seu Mini de motor Ferrari V8 ás 17.45h. Ás 20h actuará de novo o grupo Tania Veiras.
Na presentación estiveron presentes tanto o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, quen salientou o carácter tradicional da festa, e Xacobo Pérez, presidente da Asociación Pura Raza Cabalo Galego.
Comments