O servizo de emprego da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) vén de incorporar unha nova orientadora laboral para atender as demandas das persoas con discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual que buscan traballo, ou pretenden mellorar o que teñen, nos concellos das comarcas de Ordes, ademais de Melide, Arzúa, A Barcala, O Sar e os concellos de Val do Dubra e Santa Comba.
Esta nova orientadora, Elisa Fernández, desprázase dúas ou tres veces á semana a estes concellos para facer seguimento das necesidades das persoas apuntadas na bolsa de emprego de COGAMI. Tamén atende a aquelas que se incorporan por primeira vez ao servizo tras ser derivadas directamente polo Servizo de Orientación da súa Oficina de Emprego, por Servizos Sociais do seu concello ou mesmo acoden ao servizo pola súa conta tras coñecelo por algunha amizade, redes sociais ou pola prensa, entre outros.
Actualmente, esta bolsa de emprego contempla 564 persoas apuntadas, sendo o 58% homes e o 42% mulleres. Na comarca de Ordes atende a 220 persoas, sendo 86 anos do propio concello de Ordes. Outras 17 son de Tordoia, con 13 de Cerceda, 9 de Mesía, 20 de Trazo, 66 de Oroso e 9 de Frades.
Uns días antes do desprazamento, a orientadora concerta telefonicamente entrevistas individualizadas cun máximo de 5 persoas que vai desenvolver de xeito presencial, e tamén realiza accións grupais nas que se traballa e capacita ás persoas sobre aquelas ferramentas e plataformas idóneas que serven de apoio durante o proceso da busca de emprego.
Para poder prestar servizo a estas persoas, COGAMI dispón de varios puntos de atención que adoitan ser espazos municipais, como o centro sociocultural Fernando Casas de Novoa de Oroso, a oficina da Mancomunidade de Ordes, ou o concello de Cerceda.
Para contactar co servizo de Emprego de COGAMI, pode ser a través do teléfono 981 574 698 ou a través do correo electrónico sil@cogami.gal.
Comments