
O vicepresidente e responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Varela, acompañado da concelleira de Turismo de Ordes, Susana García, visitou o venres 11 XVI edición do festival de arte urbana DesOrdes Creativas, que se celebra na localidade ordense ata o 13 de agosto co apoio da Deputación da Coruña.
Regueira destacou o “carácter pioneiro” de DesOrdes Creativas no panorama galego, como “o evento de arte urbana máis lonxevo da comunidade e un dos máis prestixiosos no eido nacional e internacional”.
“DesOrdes Creativas abriu camiño a outros festivais que foron xurdindo e hoxe se desenvolven con éxito na provincia da Coruña, que xa é nun referente intrenacional en arte urbana”, sinalou Regueira en referencia a outros eventos coma o RexeneraFest de Carballo, e outros que se desenvolven en Oleiros, Cambre ou Rianxo coa colaboración da Deputación da Coruña.
Xosé Regueira subliñou a “potente participación internacional” desta edición do certame, con artistas convidados coma Gleo (Colombia), Alba Fabre (Catalunya), Mr. Difuz (Francia), Zane Parter (Estados Unidos) e Doa Oa (Galicia) e incidiu na importancia de apoiar eventos coma esta que posicionan á provincia no eido do turismo cultural, singularmente para as persoas interesadas por este tipo de arte contemporánea e, ao mesmo tempo, serven como instrumento de rexeneración urbana.
Nesta decimosexta edición realízanse cinco murais de grande formato e tamén se organizan outro tipo de actividades coma intervencións de pequeno formato, obradoiros arredor da arte urbana roteiros guiados polos diferentes murais das anteriores edicións.
Commenti