top of page

Frades aproba os orzamentos cun forte incremento en gasto social

Actualizado: 4 may 2021


O pleno municipal de Frades, reunido esta tarde en sesión extraordinaria, desestimou a alegación presentada por Unión Sindical Obrera e aprobou definitivamente os Orzamentos para 2021, que ascenden a 2.467.645,46 euros, un 15,94% máis ca en 2020 (2.135.721,06 €). Unhas contas nas que as partidas que máis medran son as destinadas a gasto social (+54,56%) e investimentos reais (+37,41%).


O alcalde de Frades, Roberto Rey, xustificou a desestimación da alegación en que “non está fundamentada en ningún dos tres supostos para presentar reclamacións contra o orzamento contemplados no artigo 170 da Lei Reguladora das Facendas Locais”. Neste sentido, lamentou que “unha alegación tipo que unha entidade sen representación neste concello estea presentando en distintos concellos obrigue a traelo a pleno e atrase a aprobación definitiva dos orzamentos”. Así, o alcalde exemplificou en que “a alegación pide que se cubran todas as prazas vacantes para funcionarios, cando en Frades non hai ningunha vacante”.


Os grupos municipais mantiveron a mesma votación ca na aprobación inicial dos orzamentos, polo que a alegación foi desestimada e os orzamentos aprobados definitivamente cos votos a favor do PP e as abstencións de PSOE e BNG.


Orzamentos

Os orzamentos do Concello de Frades para 2021 preséntanse equilibrados en gastos e ingresos: 2.467.645,46 euros. Desta cifra, o Concello destinará 300.289,9 euros á Mancomunidade de Ordes para o financiamento do servizo de axuda a domicilio, nas modalidades de libre concorrencia como de dependencia, atención temperá, igualdade, CIM, traballo social… Ademais, este ano os servizos sociais municipais contan cunha achega a maiores de 112.502,68 euros do POS+ Adicional, destinado a financiar gastos sociais extraordinarios como medidas de atención a persoas especialmente vulnerables e eliminación de barreiras arquitectónicas no interior dos fogares e adaptación funcional das vivendas de persoas vulnerables. Unhas axudas xa convocadas e para as que o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 9 de abril.


O capítulo de gastos de persoal ascende un 2,58% ata os 419.517,25 euros. O capítulo II de gasto corrente medra un 2,76%, ata os 995.011,66 euros. Ademais dos tradicionais investimentos en mantemento do alumeado público, saneamento e abastecemento de auga, recollida de lixo e limpeza viaria, este capítulo inclúe o financiamento dos Servizos Sociais de Frades, entre os que se inclúen fisioterapia, podoloxía e perruquería gratuíta a domicilio para as persoas maiores e dependentes.

As contas de 2021 inclúen tamén 851.824,87 euros para investimentos reais, unha partida que medra un 37,41% con respecto a 2020 e que representa o 34,51% do orzamento. Un capítulo no que destacan os 350.000 euros para a construción do centro sociocomunitario de Ponte Carreira, froito dun convenio asinado entre o Concello de Frades e a Consellería de Política Social, que achegará 200.000 euros. Este proxecto dará servizo a todos os veciños e veciñas do municipio, especialmente aos maiores de sesenta anos. A diferenza dun centro de día, que só está aberto a dependentes de grao 2 ou 3, este centro estará aberto a todas as persoas maiores do municipio.


O Concello de Frades destinará 96.714,85 euros do POS+2021 á financiación de dous proxectos: mellora do viario nos accesos a Tarrío (Papucín) e outros (que inclúe o arranxo de 8 pistas do municipio: mellora do viario nos accesos a Tarrío, mellora do viario nos accesos a Devesa, Vilar e á igrexa de Galegos; mellora dos viarios de acceso ás pistas da Panica ao Carballal e da Camposa ao Covelo, así como a sendas pistas en Asemonde e O Ar); e a mellora do viario da pista AC-524 a Ponte Carballa (Abellá). Tamén se contempla un Plan Complementario orzamentado en 203.216,52 euros para a mellora do camiño da AC-524 (Abellá) e Vilar de Arriba (Frades), que inclúe tamén o arranxo do camiño de San Mauro a Cachada (Frades).


No que atinxe aos ingresos, as ordenanzas e taxas quedan un ano máis conxeladas. Así, non se incrementarán nin sequera o IPC e manteranse as bonificacións do 95% da cota íntegra do IBI naqueles inmobles onde se desenvolvan exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario. As previsións de ingresos por taxas municipais son de 219.434 euros, un 17,41% menos que en 2020. Por outra banda, os ingresos por impostos indirectos como o ICIO mantéñense en 54.000 euros (mesma cifra ca en 2020) e os impostos directos (IBI, IAE, Vehículos) aumentan un 1,07%, de 381.000 a 386.018 euros.

Commentaires


bottom of page