top of page

Frades celebra a II Festa Rural entre o 15 e o 17 de setembro


O Concello de Frades celebra desde este venres, 15 de setembro, a súa II Festa Rural. Un evento de tres días cun programa completo que inclúe música, etnografía, gastronomía ou artesanía. A festa arrinca coa Xornada Interritmos Sons no Rural, da man da Asociación Deloa, coa música de Leni Pérez & Roberto Comesaña e As Lembranzas, o saber de Rosa Olveira e Álvaro M. Leiro facendo cestos e con degustación de produtos locais.


O sábado pola tarde terá lugar a apertura do mercado de artesanía, con máis de 20 postos de: cestería, coiro, madeira, xoiería, maquetas e instrumentos musicais. Tamén estará a Casa Grande de Xanceda. Ese día tamén poderá visitarse a exposición etnográfica do Museo de Frades MUFRA - A Herdanza do Pasado. Ás 8 da tarde terá lugar a actuación de Rock Infantil con Pakolas, e a verbena co Dúo Arcángel despois.

O domingo 17, a celebración comezará pola mañá co pasarrúas de Embruxo Gaiteiros, mercado de artesanía, exposición de tractores antigos e motos antigas. ●Os máis larpeiros desfrutarán da degustación de callos coas consumicións na praza de Ponte Carreira e sesión vermú co grupo musical galego Ailá. Ás tres da tarde comezará o xantar popular con empanada, xamón, callos, xarrete con verduras, larpeira e xeado. Pódese adquirir o ticket no Concello, nas asociacións que colaboran e nos bares de Ponte Carreira antes do mediodia do 15 de setembro.


A partir das cinco e media da tarde, celebrarase en Aiazo o Festival Folclórico con Sarillo, Medorra con Troula e Os Viqueiras de Ordes. A rapazada desfrutará dos xogos do Paporrubio. Pecha a festa a verbena con grupos galegos como Maghúa cantareiros e Tiruleque.




Comments


bottom of page