A veciñanza de Frades pode solicitar dende o venres 14 de xaneiro dúas axudas publicadas no BOP do día 13. Por unha banda, axudas de ata 400 euros para promover nacementos, adopcións ou acollementos no concello, e, pola outra, axudas de bono-taxi para persoas maiores de 65 anos. A convocatoria estará aberta durante todo o ano e as solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral ou a través da sede electrónica.
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, salienta que con estas axudas o Concello quere facilitar á xente quedar a vivir no rural. "Para iso apostamos por crear unha liña de apoio ás familias para o fomento da natalidade e, por outra, por un bono de transporte que facilite o desprazamento dos nosos maiores a calquera centro sanitario do Sergas na provincia con cita previa”.
Fomento da natalidade
O Concello promoverá axudas de ata 400 euros para familias que teñan fillos, adopten ou fagan acollemento preadoptivo, co obxectivo de fomentar a natalidade e o asentamento de poboación no municipio. Para acceder á subvención será preciso que cando menos un das persoas proxenitoras estea empadroada en Frades un ano enteiro antes do parto, adopción ou acollemento, e estar ao día fiscalmente coa Seguridade Social e co Concello.
As axudas terán un límite de 400 euros por filla ou fillo, cun 100% de percepción da axuda por cada filla ou fillo nacido nun parto múltiple ou adoptado. A familia deberá vivir en Frades como mínimo dous anos logo de recibir a axuda. A convocatoria estará aberta todo o ano.
Bono-Taxi
En canto ás axudas de bono-taxi, o alcalde salienta que se busca "dar un servizo máis aos nosos maiores, para que poidan ter unha maior calidade de vida e seguir na súa contorna mentres así o desexen". Esta subvención diríxise a maiores de 65 anos, ou persoas con discapacidade ou dependencia recoñecidas, que poidan utilizar transporte público non adaptado no seu desprazamento a un centro médico con cita previa e sen requirir asistencia sanitaria durante o traslado.
Para poder optar a estes bonos débese estar empadroado en Frades dende hai polo menos seis meses, ser maior de 65 anos ou ter máis de 18 cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, unha pensión da seguridade social por IPT, IPA, grande invalidez ou un grao II ou III de dependencia. Ademais, quen queira ser beneficiario destas axudas non podería dispor de vehículo de seu ou debe estar imposibilitado para a condución, ter ingresos por baixo do 85% do IPREM anual na unidade familiar e atoparse, igualmente, ao día coas obrigas tributarias da Seguridade Social e Concello de Frades.
O bono-taxi será de uso persoal e intransferible. O uso fraudulento do mesmo ocasionará a retirada do servizo por un ano.
コメント