top of page

Frades leva a cabo obras de mellora en pistas do municipio



O Concello de Frades anunciou a finalización das obras de mellora do firme de seis pistas municipais. Estes traballos tiveron un custo combinado de máis de 78.000 €, cubrindo case tres quilómetros nas parroquias de Gafoi, Moar, Aiazo, Añá e Galegos.


Entre as pistas arranxadas figuran o camiño de Currás a Raselo, na parroquia de Gafoi, onde se repararon as fochancas e se asfaltou o firme desta estrada e un ramal. Tamén se asfaltou o camiño de acceso a Castiñeiro Redondo (Moar) e o camiño que une esta localidade co límite de Oroso. En ambos os dous casos reparáronse as fochancas e mellorouse a capa de rodaxe cun tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma.


O Concello tamén pavimentou os accesos a Sanamil (Añá) e á Torre (Aiazo). Finalmente pavimentou o camiño entre o límite de Ordes e o Pazo (Galegos).


140.000 euros nos próximos meses

O concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro, destaca que “acabamos tamén de licitar outros dous proxectos máis por 139.770 euros que demostran que seguimos traballando igual ca sempre e se comproba que todas as obras que dixemos que iamos facer son reais e se están levando a cabo”.


O Concello levará a cabo en breve obras de mellora en tres camiños: de Tañoi á Cruz do Canedo (Abellá), da DP-3802 a San Martiño (Frades) e da N-634 a Vilar de Céltigos (Céltigos). Son case catro quilómetros de pistas. A obra adxudicouse a Construcciones Cernadas SL.


Pola súa banda, Cosmalca SL encargarase das obras de pavimentación nos accesos ás localidades de Quintá (Papucín), Outeiro (Galegos), A Fraga (Vitre), Os Canedos (Mesos), Chá (Ledoira), Gándara e Sanamil (Añá), Pedreira e Seixo (Moar) e á igrexa de Céltigos. Un total de tres quilómetros distribuídos en doce pistas.


A maiores, contémplase a pavimentación do camiño entre Figueira (Mesos) e Barreiro (Abellá), así como a execución dunha cuneta de seguridade na Igrexa (Frades).


Commentaires


bottom of page