
Despois de dous anos de ausencia obrigada pola emerxencia sanitaria, o Concello de Frades vén de convocar a sétima edición da súa Carreira Pedestre Popular, que terá lugar na mañá do sábado 15 de maio e repartirá 1.550 euros en premios. A proba, organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo, terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira e unha lonxitude de 8,6 quilómetros na súa categoría absoluta.

As inscricións deberán realizarse a través da páxina web www.emesports.es. As anotacións nas probas escolares son totalmente gratuítas (é dicir, sub 6, sub 8, sub 10, sub 12, sub 14, sub 16 e sub 18) mentres que os demais atletas (sub 20, sub 23, senior e Master 1, 2, 3 e 4) deberán achegar 5 euros. O prazo de inscrición estará aberto ata as 23:59 horas do 12 de maio. Non se admitirán inscricións fóra dese prazo.
Premios
O Concello de Frades destina un total de 1.550 euros en premios para os cinco primeiros clasificados da categoría absoluta (250, 150, 100, 75 e 50 euros), tanto na categoría masculina como feminina; así como para os tres mellores equipos (150, 100 e 50 euros). A clasificación por clubs será establecida a través da suma dos puntos acadados polos seus 8 primeiros corredores en cruzar a liña de meta.
Ademais dos premios en metálicos, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres. O Concello de Frades tamén entregará trofeos especiais ao club-entidade-colexio que achegue máis corredores e trofeo para os tres primeiros clasificados/as empadroados en Frades. Así mesmo, o Concello de Frades entregará medallas a todos os participantes escolares. Os trofeos non serán acumulativos, agás os correspondentes aos atletas locais.
Só se admitirá a participación de clubs federados nos premios en metálico, que terán que presentar o listado dos atletas co selo oficial da Federación Galega de Atletismo ou, no seu defecto, da Delegación correspondente. Na confección do Club non poderán entrar atletas pertencentes a outros clubs nin filiais do mesmo. Ademais, os equipos poderán ser masculinos ou femininos, non mixtos.
Paula Mayobre é a dominadora absoluta desta proba, que gañou en cinco das súas seis edicións (só quedou segunda en 2016, tras Ester Navarrete). Pola contra, na proba masculina só Lolo Penas foi quen de inscribir o seu nome dúas veces (2016 e 2019). O resto de triunfos foron para Víctor Rioboo, Hassan Lekhili, David Santos e Nuno Costa.
Probas
A VII Carreira Pedestre Popular Concello de Frades desenvolverase a partir das 10:00 horas do 15 de maio na contorna da praza pública de Ponte Carreira. A proba principal, con saída ás 11:30 horas, percorrerá 8,6 quilómetros nunha ruta que combina asfalto e terra e que terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira. Os atletas correrán cun Chip que lles será entregado no momento de recoller o dorsal e que deberán entregar unha vez crucen a meta. Os dorsais poderán recollerse na Secretaría da Competición, na praza de Ponte Carreira, ata media hora antes da proba. Haberá servizo de vestiario e de duchas a disposición de todos os atletas no polideportivo municipal.
As probas escolares darán comezo ás 10:00 horas coa categoría Sub 6 (nados en 2018 e posteriores) que farán un percorrido de 300 metros (unha volta á praza). Ás 10:10 horas será a quenda dos sub 8, que percorrerán 500 metros. Oitocentos metros serán os que percorran os sub 10 e sub 12; mentres que os sub 14 e sub 16 feminino afrontarán 2.000 metros. A proba principal sairá ás 11:30 horas.
A VII Carreira Pedestre Popular Concello de Frades está organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo. Conta coa colaboración de: Deputación da Coruña, Cooperativa Leiteira de Frades, Feiraco, Centro de Fisioterapia y Rehabilitación Jessica Gómez, Nutri Sport, Garabato de Xogos, Camba Distribuciones SL, Eurofrut Sigüeiro, Bar Vilariño, Supermercado Claudio María Vázquez Pardo, Froitería A Nova, Pepsico, Erimsa, Carreiras Galegas e Correr en Galicia.
コメント