A Asociación Cultural Inquedanzas, en colaboración co Concello de Ordes, organizou a presentación do libro “A loita dos perdedores. Razón e xénese da guerrilla antifranquista en Galicia”, do historiador Luís Lamela.
Con esta presentación, a Asociación Cultural Inquedanzas pretende homenaxear un ano máis aos once veciños de Ordes que foron executados o 8 de febreiro de 1937 no camposanto compostelán de Boisaca: Ángel Jesús Caamaño, José García Fernández, José Iglesias Vilariño, Manuel Moure Rey, Andrés Nogareda, Paulino Pérez García, José Pérez Sanmartín, os irmáns José e Manuel del Río Pampín, José Vázquez Mandayo e Benito Vilariño Liste. Once labregos, mestres, carteiros, ferroviarios, perruqueiros… veciños de Ordes que foron fusilados polo simple delito de pensar diferente.
Un ensaio de 302 páxinas que pretende axudar a crear unha imaxe máis humana e equilibrada da loita guerrilleira antifranquista.
Luís Lamela (Corcubión, 1945) é un dos pioneiros na restauración histórica da memoria do franquismo e o antifranquismo en Galicia dende unha actividade investigadora que comezou no ano 1987, labor polo que ten recibido distincións como o Premio Faro Nerio (2006) ou o Premio de Honra de Radio Nordés (2011). Tamén ten colaborado en xornais e revistas como La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, Unión Libre ou Anuario Brigantino.
“A loita dos perdedores” é o seu segundo ensaio en galego, despois de “A represión da masonería viguesa” (2008, A Nosa Terra) e unha decena de ensaios en castelán sobre vítimas da represión franquista como Pepe Miñones, Antonio Fernández Pita, Foucellas, Manuel Ponte Pedreira…Un ensaio de 302 páxinas que pretende axudar a crear unha imaxe máis humana e equilibrada da loita guerrilleira antifranquista.
Actos Institucionais:
Consistiron na lectura dun manifesto, e o posterior descubrimento dunha placa conmemorativa na fachada do consistorio. Nela recóllense os nomes dos once e lémbrase o seu fusilamento hai 87 anos. Tras a colocación dunha coroa de oliveira, unha concentración para gardar un minuto de silencio na súa memoria pechou os actos institucionais, aprobados por unanimidade pola corporación municipal e abertos á cidadanía.
O PSOE fixo unha ofrenda floral en Boisaca.
Comments