Luis Rey Villaverde, novo alcalde de Oroso
- Crónicas da comarca
- 25 may 2021
- 2 Min. de lectura

Un pleno extraordinario no Concello de Oroso elixiu esta tarde a Luis Rey Villaverde como novo alcalde de Oroso, substituíndo no posto a Manuel Mirás Franqueira. Nunha intervención posterior á investidura, Luis Rey fixo un chamamento ao conxunto da corporación para “traballar desde a unidade, sempre sumando e nunca restando, ofrezo a miña colaboración a todos os grupos porque o único importante é o Concello de Oroso e os seus veciños, moito máis nestes tempos de pandemia e as súas consecuencias”.
Rey comezou o seu discurso agradecendo os 38 anos de traballo de Manuel Mirás. “Atopaches unha cidade dormitorio e convertíchela nunha vila, dando sentido ao lema ‘Oroso para vivir’”, apuntou.
“Neste anos, chegaron todos os servizos e infraestruturas que hoxe temos no eido educativo ou sanitario, sen esquecer as melloras nas comunicacións, a contorna natural, a cultura ou o deporte”, engadiu.

En palabras de Luis Rey, “traballarei desde mañá para que Oroso siga crecendo”, agradecendo o apoio dos seus compañeiros de grupo de goberno, dos traballadores municipais e da súa familia, “á que lle pido perdón de antemán polas horas que non estarei na casa para atender esta nova responsabilidade”.
Ao rematar o pleno e a preguntas dos medios de comunicación, Luis Rey falou dalgúns proxectos para Oroso a curto prazo, “como a climatización da piscina ou o carril bici que unirá o centro coa futura Vía Verde”.
Fixo tamén mención ao potencial empresarial e industrial de Oroso, “con dous polígonos con empresas punteiras que dan traballo a centos de familias e un terceiro polígono, o de San Martiño, que será unha realidade en canto a situación mellore”.
Na sesión extraordinaria de hoxe tomou tamén posesión o novo concelleiro, José Calvo Rey, que substitúe na corporación a Manuel Mirás.




Comentarios