O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez García, dirixiuse hoxe á veciñanza pola "situación moi preocupante" que atravesa o concello dende o punto de vista sanitario, con 41 positivos nos últimos 14 días. O alcalde lembrou a importancia de "incidir na responsabilidade, e sobre todo intentar acentuar as distancias e as precaucións entre as persoas non conviventes, independentemente dos lazos que haxa entre elas". Chamou a "non baixar a garda" e recordou que "o control epidemiolóxico é unha cuestión técnica, que efectivamente debe ser atendida polo comité científico que se reúne semanalmente e que en función das circunstancias vai decidindo que medidas se toman en cada concello". "O que queremos é que se siga con atención o noso caso e que quen teña que tomar unha determinación o faga tendo en conta todos os elementos, coa maior atención e co mellor criterio posible", pediu á Xunta.
Por parte do Concello de Cerceda, establécense unhas pautas para tratar de minimizar os riscos de contaxio na casa consistorial e van agudizarse a limpeza e desinfección das rúas e das instalacións. "Todo isto non exime de novas decisións que se poidan tomar nos próximos días, sempre no marco das nosas competencias", aclara o rexedor.
Rodríguez García aproveitou para lle desexar "a mellor das recuperacións a todas as persoas afectadas" e prometeu que "o Concello de Cerceda seguirá informando da situación a través dos seus distintos medios públicos".
Ordes
Pola súa banda, o Concello de Ordes sinalou hoxe que hai dous novos positivos na localidade, o que suma un total de 22 casos activos, dos cales 21 están en illamento domiciliario e outra persoa en UCI. Fixéronse 75 PCR na última actualización.
Comentários