top of page

O Concello de Oroso presenta o seu programa de Nadal



O Programa de Nadal 2021/2022 do Concello de Oroso chega cargado de actividades para todas as idades, con especial atención aos máis pequenos e ao público familiar. Despois de que o pasado venres 3 de decembro se celebrase o acendido do alumeado de Nadal, o Concello da paso agora a un programa que inclúe obradoiros, espectáculos musicais, o tradicional Mercado de Nadal, concursos, teatro, maxia e, como non, a Cabalgata de Reis do día 5 de xaneiro.


Nas próximas datas, Oroso acollerá obradoiros de bonecos de neve, centros de Nadal con froitas e repostería, o Mercado de Nadal os días 22 e 23, o concerto da Escola de Musica Municipal ou a visita de Papá Noel. Como novidade, este ano chega a Oroso o Tren Safari, unha atracción da qu dende o Concello darán máis información nos próximos días. Tamén haberá unha excursión xuvenil o 28 de decembro, o tradicional concurso de postais con mensaxe, teatro familiar con ‘As bombas e o xeneral’ ou o espectáculo de maxia ‘El mágico viaje de Patri Zenner’.


Vanesa Boo, concelleira de Cultura, destacou na presentación “a diversidade da programación, planificada para que os nosos veciños e veciñas, independentemente da súa idade, poidan disfrutar das actividades”. Por outra banda, o alcalde, Luis Rey Villaverde, engadiu que “conscientes de que aínda estamos en pandemia, o Concello de Oroso organizou unha programación de Nadal desde o entusiasmo pero coa cautela e precaución precisas; serán unhas festas moi especiais”.



Comments


bottom of page