top of page

O delegado da Xunta visita as obras da praza do centro Isabel Zendal en Ordes



O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado pola directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas, e polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez, supervisaron esta mañá o resultado das obras que se executaron na praza do centro sociocomunitario Isabel Zendal que contaron cun apoio da Xunta de máis de 67.000 euros a través da orde de axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para crear ou mellorar infraestruturas municipais.

Trenor lembrou que na provincia da Coruña a Xunta está investindo ao abeiro desta orde 521.000 euros a través de axudas destinadas a municipios cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.


O proxecto centrouse na urbanización e humanización da contorna desta edificación situada no Campo da Feira, e máis concretamente, ao carón da entrada ao paseo fluvial Ramiro Recouso. Unha das principais premisas deste proxecto foi, precisamente, a integración con esta contorna natural para o uso da veciñanza.


As obras consistiron na contención de terras cara á beirarrúa e na explanación da área. Procedeuse á apertura de foxos, e posterior recheo, para a cimentación dos muros das bancadas e xardineiras. Tamén se construíron soleiras de formigón armado para as bancadas. Ademais, levouse a cabo o axardinamento da zona superior, das escavas e da zona exterior cara ao río Mercurín.


O proxecto tamén contemplou a plantación de arbustos e árbores para evitar o impacto visual do muro de peche da parcela lindeira e a instalación dun equipo de climatización do edificio. O sistema de rego será automático mediante aspersores emerxentes programables. A zona estará iluminada mediante un báculo e farois de baixo consumo.


O delegado da Xunta tamén lembrou que nesta mesma praza, en breve, abrirá as súas portas o centro sociomunitario Isabel Zendal que contou cun orzamento de 720.000 euros, dos que 360.000 euros foron aportados pola Consellería de Política Social e Xuventude Este edificio terá un uso polivalente pero o seu principal obxectivo será servir como punto de encontro para as persoas con algún tipo de diversidade funcional e para os maiores, con programacións de actividades lúdicas e de formación.

O representante do Goberno autonómico apuntou que “este edificio será unha homenaxe permanente á primeira enfermeira da historia en misión internacional, feito polo que xa foi recoñecida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) no ano 1950”. Trenor lembrou que “Isabel Zendal foi unha muller esencial na historia da saúde pública, e que foi inxustamente ignorada durante dous séculos. Agora empezamos a coñecela grazas ao traballo de moita xente, entre eles o xornalista Antonio López Mariño, autor do libro Isabel Zendal Gómez nos arquivos de Galicia; ou de Pilar Farjas, que preside a asociación que leva o nome desta heroína”.

Proxectos provincia A Coruña

Trenor lembrou que por comarcas na área de Santiago se apoiaron a través do Plan Hurbe catros proxectos en Ordes, Trazo, Teo e Santiso cun investimento total de 250.000 euros; na comarca do Barbanza recibiron estas axudas os municipios de Porto do Son e Muros cun importe total de máis de 135.000 euros; e na área de Bergantiños-Costa da Morte a Xunta financiou unha actuación de máis de 67.000 euros no concello de Dumbría.

Esta liña de subvencións, impulsada polo Goberno galego, tivo por finalidade humanizar as vilas galegas e mellorar a calidade de vida dos seus veciños e frear o despoboamento, potenciando para elo as infraestruturas, equipamentos e servizos públicos á súa disposición.

Cómpre recordar que -tal e como se recollía na orde da convocatoria-, as axudas concedidas equivalerían ao 70% do custo total da actuación subvencionable e a contía máxima a percibir por cada concello, en todo caso, será de 67.760,00 euros (IVE engadido).

As actuacións cumpren coas recomendacións establecidas na Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio, en liña co Plan estratéxico da paisaxe galega que guiará a acción neste eido nos vindeiros catro anos.


Aposta pola colaboración cos concellos

Cómpre subliñar que esta orde de axudas encádrase na aposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda por colaborar economicamente cos concellos para facilitarlles a execución de proxectos en materia urbanística.


Por esta razón, o departamento autonómico mantén esta liña de apoio ás entidades locais tamén en 2022, reservando nos seus orzamentos 7 millóns de euros para financiar actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.

Comentarios


bottom of page