top of page

O PP de Oroso pide a Santiago manter as paradas do transporte metropolitano na cidade



O portavoz do PP en Oroso, Alexander Doval, remitiu hoxe un escrito a Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago, "para que permita á empresa concesionaria da nova ruta de transporte metropolitano, que cubre o traxecto entre Sigüeiro e o municipio santiagués, realizar as mesmas paradas que viña facendo ata o de agora", informan os populares.

Dende o PP aseguran que, dende a entrada en funcionamento da nova ruta de transporte metropolitano, o servizo -no tocante aos veciños do Concello de Oroso- viuse afectado, creando, segundo Doval, un gran enfado entre os usuarios. “Estamos a sufrir desaxustes nos horarios tanto laborais como escolares de todas as persoas que utilizaban este medio de transporte”, afirma o portavoz.

Ademais de pedir a recuperación das paradas, dende o PP reclaman que, no caso de non acceder a esta proposta, o Concello de Santiago coordine de maneira eficaz a chegada do transporte metropolitano coa saída do urbano dende as paradas más importantes do novo trazado e, por outro lado, autorice a creación dunha parada máis na Universidade de Santiago, concretamente no Campus Sur.


Comments


bottom of page