top of page

O PP pide unha ordenanza de terrazas "sinxela" en Oroso



O grupo do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, reclamou no último pleno, celebrado onte, que o Goberno local redacte unha ordenanza de terrazas sinxela, fácil de cumprir e que teña en conta as consecuencias económicas e sanitarias que provocou a pandemia da Covid.


Conscientes da necesidade urxente de aprobar a normativa para mellorar a convivencia entre veciños e locais de hostalería, os populares consideran imprescindible que o texto revise os puntos máis conflitivos do borrador da ordenanza. Ademais, Doval tamén reclama a eliminación na súa totalidade do artigo 23, onde se fai referencia á autorización de terrazas en terreos de titularidade privada.


“Debemos redactar unha ordenanza sinxela que dote de seguridade xurídica aos locais de hostalería e que, ademais, permita a convivencia entre veciños e locales”, asegurou Doval, quen reclamou tamén que o executivo municipal non aplique, ningunha taxa polas terrazas, tendo en conta que as restricións provocadas polo Covid que non permite aos negocios asumir máis custos.


Por outra banda, os populares apelaron ao diálogo co sector e cos Grupos Municipais (incluídos os da oposición), xa que o Grupo de Goberno do Concello, dixo Doval, "non deu traslado do borrador ao resto de forzas para poder aportar ideas ao texto".


Desbroce de vías provinciais

Por outra banda, os populares aproveitaron tamén o pleno para urxir ao Goberno local a que inste á Deputación da Coruña a que leve a cabo de inmediato o desbroce das estradas DP-3801- que une os núcleos de Sigüeiro e Frades e que transcorre polas parroquias de A Gándara, San Tomé, Senra, Os Ánxeles e Calvente-; e a DP-3802 –que une Ordes e a Ponte Carreira e que transcorre pola parroquia de Marzoa.


Por último, os populares presentaron tamén varias mocións mostrando o seu malestar pola subida do prezo da luz, pola súa desconformidade despois de coñecer que Oroso quedaría fóra da repartición dos fondos Next Generation en caso de que o Goberno do Estado continúe coas bases que xa expuxo e condenando a campaña da organización xuvenil do BNG, “Galiza Nova” titulada “Rachemos co Xacobeo”.

Comments


bottom of page