O presidente da Deputación visita as obras da Vía Verde en Oroso
- Crónicas da comarca
- 15 jul 2021
- 2 Min. de lectura

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá no Concello de Oroso as obras do primeiro tramo da Vía Verde que unirá Santiago de Compostela con Cerceda pola antiga vía do ferrocarril. A actuación neste primeiro tramo, cun orzamento de case 800.000 euros, suporá “un importante impulso económico, medioambiental e deportivo para o concello”, asegurou durante a visita o alcalde de Oroso, Luis Rey Villaverde.
Estiveron tamén no tramo en obras os deputados provinciais Antonio Leira, concelleiro de Turismo de Oroso, e Blas García, alcalde de Ames; ademais de Manuel Mirás Franqueira, anterior alcalde de Oroso e impulsor do proxecto da Vía Verde, polo que pelexou durante case 15 anos.
Formaron parte tamén do percorrido polo primeiro tramo da Vía Verde os concelleiros e concelleiras da corporación local de Oroso, así como outros alcaldes e concelleiros da comarca.
“A Vía Verde é un proxecto ambicioso nunha infraestrutura ferroviaria desafectada que era propiedade do Estado, polo que quero destacar o traballo feito polo ex alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e agora temos financiamento europeo para darlle vida nova a unha infraestrutura que a sociedade tivo a sensibilidade de non deixala morrer”, explicou o presidente da Deputación.
En palabras de Valentín González Formoso, que apoiou o proxecto desde que chegou á presidencia da Deputación, “a Vía Verde terá unha gran importancia dinamizadora e comunicará cinco concellos con Compostela”.
“Sei ben as veces que Manuel Mirás foi a Madrid a pelexar por este proxecto, que hoxe está máis cerca de ser unha realidade e será moi importante para os veciños e veciñas de Oroso”, engadiu Luis Rey.
O Concelleiro Antonio Leira agradeceu ao ex alcalde Mirás Franqueira "crer e facernos er que os soños se poden cumprir", así como o acompañamento do presidente da Deputación. Salientou que este é "un día omportante para o noso concello", logo de moitos anos "e moitas negociacións que ven como a Vía Verde é unha realidade".
A primeira Vía Verde da provincia da Coruña terá unha lonxitude de 36,5 quilómetros. Para completar o proxecto, o Concello de Oroso fará un carril-bici que conectará o casco urbano de Sigüeiro coa vía.
Ademais destas obras, González Formoso visitou a escola infantil Trastes, beneficiaria do programa PEL Empresas da Deputación, e o Bar Fernández, en Villaromariz, beneficiario do programa PEL Hostalería.




Comentarios