A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, a través do Centro de Información á Muller, organizou o programa “Ter (en) conta”, desenvolto por Andaina Pro Saúde Mental de Ordes e cofinanciado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade-Secretaría Xeral da Igualdade e polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
O programa desenvolveuse nos Concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso e Tordoia, e agrupou unha serie de obradoiros formativos dirixidos ás mulleres coidadoras informais de persoas dependentes. Na formación participaron un total de 59 mulleres da comarca, que recibiron formación en ámbitos como estratexias para unha vida saudable, técnicas de mobilizacións e transferencias, o mantemento das capacidades das persoas que se atopan en situación de dependencia ou a existencia de modelos alternativos de coidados e a importancia da interdependencia, entre outros.
Con esta actividade constatouse o interese das persoas coidadoras en recibir formación relacionada co coidado a persoas dependentes e por ter un espazo de encontro e intercambio de experiencias.
Esta subvención foi cofinanciada pola Unión Europea co obxectivo de previr a violencia de xénero e de mellorar a situación das vítimas de violencia de xénero e das mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
Comments