Os socialistas de Tordoia presentaron no último pleno municipal unha moción demandando a creación dun punto limpo. Foi aprobada por todos os grupos. “Entendemos que é unha instalación imprescindible para a boa sáude medioambiental do concello, evitando a creación de vertedoiros incontrolados e axudando aos veciños a desfacerse dos seus residuos de forma ordenada e limpa”, asegura o portavoz do PSOE, Tomás Castro.
“Co punto limpo axudaríamos ademais á nosa contorna, á nosa riqueza natural e paisaxística, e poñemos o noso gran de área na loita contra o cambio climático; permitirá tamén fixar poboación en Tordoia, polo aumento dos servizos dipoñibles e pola creación de postos de traballo, evitando a despoboación”, engade Castro.
A moción lembra que a actual lexislación “establece que as entidades locais deben preparar espazos destinados á recollida selectiva de residuos urbanos”. Os residuos que recollería o novo punto limpo de Tordoia son moi variados, polo que é necesaria a creación dunha ordenanza municipal para a súa regulación.
Comments