O PSOE de Trazo denuncia o gasto de 12.000 € en mariscadas por parte do Goberno
- Crónicas da comarca
- 28 nov 2020
- 3 Min. de lectura

A Agrupación Socialista de Trazo vén de ampliar a querela presentada polos delitos de falsidade documental e administración desleal do patrimonio público (malversación) contra o ex alcalde de Trazo, Xosé Dafonte Varela, e a secretaria-interventora do Concello, María José Nartallo Penas. Unha ampliación motivada tras descubrir que o Concello de Trazo pagou máis de 12.000 euros en máis dun cento de mariscadas e sobremesas con bebidas alcohólicas sen ningún tipo de xustificación legal durante os anos 2015 e 2017.
A voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez, explica que “revisando a documentación dos anos 2015 a 2017 vimos de destapar un novo escándalo de sobregasto e paparotas do Partido Popular de Trazo por toda Galicia. É un auténtico roubo ás arcas municipais e aos veciños e veciñas de Trazo”. Neste sentido, adianta que “non imos descansar ata conseguir o reintegro de todos os cartos roubados á veciñanza mentres a actual alcaldesa e o seu socio de Somos Trazo miraban cara outro lado”. Domínguez Siaba insiste en que “estamos falando de algo moi grave porque xa son máis de 42.000 euros sen xustificar, un despilfarro que tivo lugar mentres a actual alcaldesa e o seu novo tenente de alcalde estaban no grupo de Goberno pero preferiron mirar cara a outro lado”.
Gastos sen xustificar
A denuncia xurde a raíz das peticións realizadas polos socialistas de Trazo para visualizar as facturas abonadas polo Goberno do PP a establecementos hostaleiros nos anos 2015, 2016 e 2017. Analizada esa documentación, a agrupación socialista identificou 105 comidas e ceas pagadas polo Concello de Trazo sen ningún tipo de xustificación. A maior parte destas mariscadas teñen como data de realización un día festivo ou durante a fin de semana, “polo que resulta cando menos estraño que se tratara dunha viaxe institucional que obrigue ao seu pago”, apunta Beatriz Domínguez, quen puntualiza que “cando son en días hábiles, temos o exemplo dunha cea o 22 de xaneiro de 2015 en Muxía. É moi difícil de crer que unha visita institucional ao Concello de Trazo remate cunha cea en Muxía”.
O Grove e Muxía son os destinos máis presentes nestes abonos. Tamén figuran municipios da contorna (Ordes, Oroso, Val do Dubra, Tordoia...), pero tamén outros máis alonxados como Lugo, Sanxenxo, Allariz, Illa de Arousa, Pontevedra, Lalín, Portonovo...
A análise das facturas demostra o total descontrol do gasto por parte do Goberno do Partido Popular: xantar para 6 persoas en Lugo, curiosamente coincidindo coas festas do San Froilán; mariscadas no Grove, con centolas de 55,2 euros e whisky; mariscadas en Portonovo con 88 euros gastados nun arroz con bogavante; 132 euros nunha cea en Santiago para sete persoas... Ademais, non son xantares modestos e nunca do tipo “Menú do día”, senón que a maioría conteñen viños caros, mariscos e sobremesas con bebidas alcohólicas e combinados.
Sen xustificación nin fiscalización
Ademais, segundo a documentación analizada se constatou que o ex alcalde de Trazo entregaba albaráns, tickets e, poucas veces, facturas coas comidas. Uns gastos que se anotaban nun listado e acto seguido abonaba o Concello a través dun decreto de aprobación de gasto, sen que fose acompañado de ningún tipo de xustificación da viaxe protocolaria ou institucional que obrigase ao seu pago.
De feito, a gran maioría dos tickets presentados nin sequera teñen un formato legalmente recoñecido, xa que non figuran nin os datos máis básicos (nome, NIF e dirección do provedor) e a moitas delas se lles poñen datas posteriores á súa emisión e, incluso, se rectifican a bolígrafo. “Pediremos unha proba caligráfica pois é evidente que moitas facturas están rectificadas a man, co mesmo bolígrafo e pola mesma persoa para tratar que non lle coincidiran coas outras dietas cobradas e, aínda así, hai ata 25 delas que demostran que o Concello de Trazo pagou dietas por duplicado”, explica Beatriz Domínguez.
“Todas estas irregularidades eran aprobadas e asinadas pola secretaria-interventora do Concello de Trazo, sen facer ningún tipo de fiscalización nin advertencia da ilegalidade. Imos dar traslado da situación á Valedora do Pobo e ao Consello de Contas para pedirlles que actúen xa que a secretaria interventora de Trazo non cumpre coa súa obriga de fiscalizar. Non pode ser que se pagaran máis de 29.000 euros en comidas e agora descubramos outros 12.000 en mariscadas sen que unha habilitada nacional como a señora Nartallo teña presentado nin un so reparo”, adianta a voceira municipal socialista.
Esta denuncia é a segunda ampliación que se fai do procedemento xudicial aberto polo Xulgado de Ordes polos case 30.000 euros cobrados polo ex alcalde popular Xosé Dafonte en dietas sen xustificar entre os anos 2014 e 2017. Un procedemento que foi ampliado en febreiro de 2019 diante dos serios indicios atopados de que o expediente administrativo entregado polo Concello de Trazo no Xulgado fora creado e remitido nas datas que foi requirido (novembro de 2018) xa que non existe ningún expediente na data dos feitos, é dicir, entre os anos 2014 e 2017.
Comentários