O PSOE defende en Oroso o investimento do Goberno en Galicia
- Crónicas da comarca
- 20 jul 2023
- 2 Min. de lectura

José Miñones, candidato socialista ao Congreso pola provincia da Coruña, destacou na noite de onte nun mitin en Oroso que “nunca un goberno investiu tanto en Galicia como o liderado por Pedro Sánchez”. “Investimentos que se ven e acción social que se sente, que chegou a cada casa e aos máis de 300 concellos que hai Galicia”, engadiu Miñones no centro cultural de Oroso xunto a Obdulia Taboadela, candidata tamén ao Congreso; Manuel Mirás, ex alcalde de Oroso e candidato ao Senado, e Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral provincial do PSdeG.
“En dous días temos que reflexionar o que queremos para o futuro, son as urnas e non as enquisas as que deben falar”, destacou Miñones, que lembrou “investimentos que estaban en perigo e o goberno socialista impulsou en Galicia, como o AVE, as intermodais ou as bonificacións para a AP-9”.
Pola súa parte, Taboadela puxo en valor que “somos un partido honesto, con máis de 140 anos de historia defendendo aos que máis axuda necesitan; temos un líder honesto que foi quen de levar a cabo medidas para axudar a toda a sociedade española; os socialistas demostramos que a solución á crise non pasaba pola austeridade, como fixo Rajoy, se non polo gasto social e polas políticas expansivas para protexer aos que máis estaban sufrindo”.
Manuel Mirás ensalzou “a revalorización das pensións, a reforma laboral e os inumerables investimentos dos socialistas en concellos como Oroso”.
“Este domingo imos elixir entre os dereitos dos traballadores, dos pensionistas e das minorías, representados polo Partido Socialista, e os dereitos dos que máis teñen, representados polo PP”, afirmou Bernardo Fernández.
"Nós falamos nesta campaña do que fixemos estes anos e o PP optou por unha estratexia de bulos e mentiras, xa que non queren falar da súa axenda oculta", rematou o secretario xeral provincial.
Comments