top of page

Ordes aproba a Conta Xeral 2022 e os Orzamentos 2023


Imaxe de arquivo dun pleno municipal en Ordes
Imaxe de arquivo dun pleno municipal en Ordes

O Concello de Ordes celebrou o pasado día 31 un pleno extraordinario que incluía a Conta Xeral 2022 e os Orzamentos de 2023. Ambos os dous proxectos foron aprobados co voto en solitario do Goberno local (PP). O rexedor, José Luis Martínez Sanjurjo, salientou a mellora das partidas de gasto social xestionadas dende a mancomunidade, e a aposta en investimentos da proposta. O proxecto aprobado ascende a 14,2 millóns de euros, un 29% máis que os Orzamentos de 2022.


Durante o debate da conta xeral, o portavoz do grupo municipal do BNG de Ordes, Pablo Vidal, afeou ao goberno municipal que no 2022 existiran “ata 8 contratos por prestación de servizos vencidos”, situación que ao seu parecer resulta “irregular e non conforme co establecido na lei de contratos do sector público”. Desde o BNG formularon un voto en contra á conta xeral referente ao ano 2022, dado que “non comparten o deixamento dun goberno en maioría absoluta, pouco áxil e incapaz de manter unha mínima planificación para evitar chegar a estas situacións”. O interventor do Concello efectuou reparos de pagamento de ata 80 facturas, por un importe de case 465.000 euros, sinalan os nacionalistas.


Dende o BNG tamén se opuxeron ao Orzamento municipal ao consideralo "tardío e ineficaz", xa que "entrará en vigor no último trimestre do ano, cando xa debera estar executado na súa maioría".


Para Vidal, "este non é o presuposto que Ordes precisa para reverter a situación retroceso na que se atopa sumido o concello” dado que segundo opinan “existen moitos cartos mal investidos, carente por completo de propostas para a creación de emprego, ou frear a perda de poboación e peso que estamos a sufrir". Tamén criticaron varios contidos do proxecto, como a demolición da antiga escola unitaria ou o gasto en beirarrúas, así como o deseño do carril bici entre a Pontraga e Guindiboo.








Comments


bottom of page