top of page

Ordes recibiu da Xunta de Galicia material de emerxencias para nevadas


O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou o pasado día 9 na entrega de cadanseu esparexedor de sal aos concellos coruñeses de Ordes, Boiro, Culleredo, Mazaricos e Santa Comba, e aos ourensáns dos Blancos e da Mezquita, así como á Mancomunidade do Ribeiro. A Xunta investiu preto de 37.500 euros neste material de emerxencia para actuar no caso de nevadas nos municipios cunha altitude media superior aos 500 metros, segundo o establecido no Plan NEGA.


Segundo sinalou Diego Calvo, os esparexedores entregados son equipos acoplables a vehículos todoterreo, cunha capacidade de 362 litros e que dispoñen de tolva de polietileno e bastidor metálico con protección anticorrosión. A velocidade e a anchura de esparexemento é regulable.


A entrega, na que tamén participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, forma parte das dotacións concedidas ao abeiro da orde de 2021 para a adxudicación de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con agrupacións de voluntarios de Protección Civil. Nelas tamén se inclúen 19 vehículos pick-up, seis remolques, 26 tendas de campaña para atención ás emerxencias e oito coitelas para a retirada de neve.


Neste marco de acción, ao abeiro da orde de 2022, dotada con máis de 1M€, vanse conceder oito vehículos todoterreo, oito remolques, 30 tendas de campaña, oito coitelas, 20 esparexedores, 13 embarcacións pneumáticas duns catro metros de eslora e 120 desfibriladores externos. Trátase dunha iniciativa cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e vai destinada a concellos de menos de 50.000 habitantes. Cómpre sinalar que nos últimos anos a Xunta leva entregado equipamento específico para facerlle fronte ao risco de nevadas e xeadas por valor de case 600.000 euros.


Comments


bottom of page