top of page

Oroso abre o curso cun completo programa deportivo



O Concello de Oroso anunciou hoxe o reinicio da actividade deportiva "con ilusión e precaución para seguir ofrecendo aos veciños e veciñas un amplo abanico de actividades para todos as idades". Para os nenos e nenas, un total de 15 disciplinas deportivas a través dos clubs cos que o Concello de Oroso mantén convenios e unha estreita colaboración, apoiando e achegando axudas para que ninguén quede sen facer deporte e os máis cativos, xa desde os tres anos, poidan iniciarse na disciplina que máis lle ilusione, fomentando desde idades tempranas os hábitos que o deporte aporta.


Por outro lado, está aberto o prazo para anotarse nas actividades para adultos ata o día 24 de setembro, as cales están subvencionadas e xestionadas polo concello, contratando monitores a través dunha empresa de servizos deportivos.


En caso de ser necesario, farase un sorteo para adxudicar as prazas. Terán preferencia os empadroados en Oroso e os participantes do ultimo ano, xa que non poideron rematar o curso debido ao parón sufrido pola pandemia.


A oferta de actividades para os nenos é de 15 especialidades deportivas diferentes: patinaxe, tenis, fútbol, tenis de mesa, taekwondo, atletismo, hípica, ciclismo, béisbol, hockey, xadrez, ximnasia rítmica, baloncesto, golf e fútbol sala.


A oferta para os adultos será para clases de aeróbic jumping, pilates, zumba, xumba kids e ximnasia de mantemento.


“Para o grupo de goberno do Concello de Oroso, a práctica deportiva e os hábitos de vida saudables son unha prioridade, máis de 1.000 veciños e veciñas fan algún deporte e ofrecemos unha oferta o máis completa posible”, sostén Antonio Leira, concelleiro de Deportes.


As follas de solicitude poderanse descargar proximamente na web do Concello e será necesario que se rexistren nas oficinas municipais.


O Concello agradece a colaboración dos clubes deportivos de Oroso, que coordinan coa Concellería de Deportes a posta en marcha das actividades. Pódese pedir máis información nas oficinas do Centro Deportivo de Sigüeiro (981 927 901 e 616 408 598) ou no mail deportes@oroso.gal.

Comments


bottom of page