top of page

Oroso e Trazo pecharanse perimetralmente con Santiago o venres



O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comunicou hoxe as medidas acordadas tras a reunión do comité clínico, entre as que avanzou o reforzo das restricións nos 60 concellos con maior incidencia epidemiolóxica con novas medidas que entreterán en vigor ás 15,00 horas do vindeiro venres.

Baixo a previsión de que as novas limitacións, que afectarán aproximadamente ao 60% da poboación, estean vixente un mes, “sempre coa avaliación constante do comité”, Feijóo precisou que estas se poñerán en marcha nas cidades e nos perímetros que as conforman como zonas de influencia, así como en concellos puntuais cunha tendencia á alza significativa na incidencia acumulada e no número de casos nos últimos 7 e 14 días.

Nesta relación de concellos inclúense, pola proximidade a Compostela, Trazo e Oroso.

As cidades e zonas que terán maior restricións serán a Coruña, xunto con Arteixo, Culleredo, Cambre e Oleiros; o concello de Lugo en solitario; Santiago con Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra e Vedra; Ferrol, con Ares, Fene, Neda, Narón e Mugardos; Ourense, con Amoeiro, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao e Toén; Pontevedra, con Vilaboa, Ponte Caldelas, Poio, Marín, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior; Vigo con Mos, Nigrán, Gondomar, O Porriño e Redondela.

A maiores, tamén terán as mesmas restricións os concellos con taxa de incidencia acumulada a 14 días superior a 200 casos por 100.000 habitantes, e tendencia ascendente na notificación dos mesmos: Vimianzo, Monforte, Burela, Viveiro, O Carballiño, Verín, Xinzo, Cangas, A Estrada, Lalín, Silleda, Ponteareas, Tui, Cambados, O Grove, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

Así, en todas estas zonas, estarán permitidos o 100% dos movementos para ir a traballar, á escola, a atender coidados necesarios de menores e maiores, e todos os movementos sanitarios. E o comercio funcionará cos mesmos criterios do resto de Galicia.

Así mesmo, pechará a hostalaría, agás o servizo a domicilio e para recollida que si se poderá ofrecer; a práctica deportiva quedará restrinxida a deporte individual; e reducirase o aforo en establecementos culturais, que con esas limitacións poderán seguir funcionando –cines, teatros, auditorios, e outros recintos de público sentado poderán ocupar o 50% de cada sala, cun límite de 30 persoas en interior e 75 en exterior–.

Haberá tamén restricións de mobilidade, é dicir, non se poderá entrar nin saír destas áreas, agás por razóns laborais e actividades esenciais.

Os Concellos de Oroso e Trazo concretarán estas e outras medidas tras a publicación do DOG e fai un chamamento á responsabilidade veciñal.

コメント


bottom of page