Oroso licita o proxecto da pista deportiva de Porto Avieira
- Crónicas da comarca
- 28 mar 2023
- 1 Min. de lectura

O alcalde de Oroso, Luis Rey, informou hoxe de que o goberno local vén de licitar a execución do proxecto de acondicionamento da pista deportiva de Porto Avieira, cun investimento de 150.000 euros. As empresas interesadas en acometer esta obra poden presentar ofertas ata o 13 de abril.
A actuación levarase a cabo na parcela de titularidade municipal anexa á urbanización Porto Avieira. A superficie da mesma acada os 36.669 metros cadrados. Hoxe en día alberga unha pista de béisbol, unha zona destinada á práctica do fútbol, un recinto para adestramento de cans, un parque infantil e unha zona de aparcadoiro, así como múltiples elementos de mobiliario público.
O proxecto de acondicionamento consiste no arranxo e preparación dos camiños existentes para a súa utilización como pista deportiva -ben para correr ou camiñar-, ao tempo que os sinalados camiños serán empregados tamén para facilitar o acceso ás instalacións existentes. Con tal fin, mellorarase o seu firme e a súa drenaxe, ademais de reforzarse a iluminación tanto ao longo da pista como na área de estacionamento de vehículos para favorecer a práctica deportiva durante máis tempo.
Carril bici
Por outra banda, o alcalde tamén informou de que a construción do carril bici desde a Avenida de Compostela de Sigüeiro ata o comezo da Vía Verde no núcleo da Estación foi adxudicada á empresa Obras y Viales de Galicia por 270.654 euros. En total trátase dun percorrido de 2,7 quilómetros de lonxitude que a empresa deberá construír nun prazo máximo de seis meses.




Comentarios