Oroso sae do peche perimetral
- Crónicas da comarca
- 4 dic 2020
- 1 Min. de lectura

O Concello de Oroso acaba de informar de que o comité clínico da Xunta decidiu esta mesma mañá levantar o peche perimetral do municipio. A medida entrará en vigor esta próxima medianoite.
Ademais, Oroso pasa a estar ás 00:00 horas de mañá nun nivel de restricións básico, que supón que os locais de hostalaría poderán abrir co 50% do aforo interior, o 75% de aforo nas terrazas, grupos de seis persoas como máximo e ata as 23:00 horas.
O alcalde, Manuel Mirás, amosa a súa satisfacción pola nova decisión do comité clínico, despois de asegurar onte que “non entendía” as medidas impostas para Oroso.
No concello hai hoxe, venres 4 de decembro, 10 casos activos de coronavirus, segundo nos comunican da xerencia da área sanitaria. Todos eles están recuperándose nos seus domicilios. Non hai ningún ingresado nos hospitais.
A evolución da situación epidemiolóxica no municipio mantén unha tendencia positiva, pero o Concello pide "manter o respecto ás recomendacións hixiénico-sanitarias nas próximas datas". Recordan que "temos por diante unha ponte festiva na que temos que respectar as medidas e limitar a interacción social, sobre todo nos espazos interiores".
Comentários