
Dende o domingo pasado, 19 de setembro, unha parte do concello de Cerceda está baixo unha praga de moscas. Tralos diferentes avisos por parte da veciñanza afectada, o Concello púxose en contacto coas persoas técnicas responsables nesta materia. Dende o luns 20 de setembro, leváronse a cabo diferentes medidas. Así, revisouse a rede de saneamento e tamén foron revisados e limpados os colectores de residuos Incidiuse na limpeza das principais rúas afectadas.
Sen embargo, desbotouse a posibilidade de fumigar nas vías públicas con insecticidas por seren elevados os ricos de contaminación e intoxicación e atoparse a maior densidade de insectos no interior das casas debido ás condición climáticas, sendo minoritaria no exterior.
Estes episodios de aumento de poboación de moscas son máis frecuentes nos cambios de estación. Danse sobre todo despois de épocas de precipitacións nas que a temperatura aínda é alta (como así foi nas últimas semanas), reproducíndose no exterior, pero ao baixar as temperaturas no serán buscan refuxios nos interiores das casas.
O Concello compartiu coa veciñanza unha serie de medidas preventivas como son airear as casas pola noite para evitar a entrada de insectos polo día. Tamén recomendan evitar depósitos de auga en caleiros ou macetas para evitar a aparición de larvas. Pídese igualmente evitar o abuso de insecticidas que poden dar lugar a intoxicacións.
Espérase que en tres ou catro días diminúa considerablemente a presenza destes insectos, debido ás condicións climáticas. O Concello pide "moita paciencia" e lembran que se remita calquera dúbida, como as que xa se atenderon ata o de agora, nos seguintes números: Policía Local (608 586 940), Protección Civil (616 420 777) e Concello de Cerceda (981 685 001). Tamén na Alcaldía (981 682 016).
Comments