
O Concello de Oroso xa ten lista a súa programación de Nadal, cun amplo calendario de actividades de cultura e lecer. O concello ten loxicamente previstos todos os escenarios pola situación sanitaria e tivo un conta as restricións e protocolos expedidos polas autoridades sanitarias, que se aplicarán exhaustivamente en cada unha das citas programadas.
“Conscientes da realidade que estamos a vivir, no Concello de Oroso organizamos unha programación de Nadal desde o entusiasmo pero coa cautela e precaución precisas. Serán unhas festas diferentes pero igualmente especiais”, asegura Vanesa Boo, concelleira de Cultura.
O goberno local diversificou a oferta de entretemento e cultural pensando en todos os públicos, desde os máis cativos ata as persoas maiores. Ademais da programación, as rúas do municipio xa están ambientadas co alumeado de Nadal e as figuras e elementos decorativos para ambientar varias zonas do concello realizadas pola asociación Diver-Cidade.
Colaboración de Diver-Cidade
A asociación Diver-Cidade colabora cada ano co Concello de Oroso na cabalgata dos Reis Magos. Este ano, pola situación da pandemia, a cabalgata será diferente, pero Diver-Cidade non quixo deixar de colaborar. Por elo, realizou estas figuras e elementos decorativos para ambientar varias zonas do concello. Os materiais foron aportados polo Concello de Oroso e todo o demais é traballo da asociación, á que o Concello agradece o seu esforzo e colaboración.
Comentários