Un vertido de xurro en Trazo obriga a alertar a nove concellos
- Crónicas da comarca
- 31 ago 2022
- 1 Min. de lectura

Unha vertedura de xurro próxima ao río Tambre obrigou onte á activación dos mecanismos de protección. O 112 Galicia enviou senllos avisos aos concellos de Trazo, Santiago, Val do Dubra, A Baña, Ames, Brión, Outes, Noia e Negreira para que adopten as medidas de prevención necesarias, malia que, en moitos destes municipios, o subministro de auga non depende directamente do Tambre.
A chamada dun veciño ao número único de emerxencias na tardiña de onte, permitiu activar todos os mecanismos de protección mediante as comunicacións por diferentes vías coas autoridades locais e tamén cos axentes de seguridade municipais co fin de aumentar a vixilancia e a posta en marcha das medidas que cada Concello estime necesarias.
Paralelamente, os xestores do 112 Galicia, en coordinación cos técnicos da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, informaron ao persoal do centro de control de verteduras pertencente a Augas de Galicia co obxectivo de facer fronte a unha vertedura de xurro, que, segundo a información facilitada polo veciño, foi localizada no Rego do Souto, en Trazo, con desembocadura no río Tambre.
Así, tras as primeiras inspeccións dos técnicos de control de verteduras, a mancha aínda non alcanzou o curso principal do Tambre, e continúan cos traballos para restablecer a seguridade na zona.
Se ben é certo que o subministro de auga en moitos dos concellos sinalados máis arriba non depende directamente do río Tambre, recibiron igualmente a información sobre este suceso para que manteñan a vixilancia e control necesarios.
Comments