top of page

Unha tonelada de troitas para esta fin de semana en Oroso



A XXIV Festa da Troita de Oroso, declarada de Interese Turístico de Galicia en 2009, preparará esta fin de semana preto de 1.000 kilos de troitas entre a degustación popular gratuíta que organiza o Concello na Alameda de Góis e os 28 bares e restaurantes colaboradores.


O alcalde de Oroso, Luis Rey Villaverde, confirmou esta mañá que o pregoeiro desta vixésimo cuarta edición será o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, que lerá o pregón o domingo ás 13.30 horas na Alameda de Góis.

A programación de actividades arranca mañá venres ás 22.30 horas co Festival Oroso en Vivo, que inclúe a actuación das orquestras “Panorama” e “Marbella”. Na xornada do sábado, o campionato de pesca de adultos/as comezará ás 9.00 horas e ás 11.00 horas está prevista a inauguración da Feira de Artesanía na contorna da Praza de Isaac Díaz Pardo, lugar no que ás 11.30 horas están programados varios obradoiros infantís.


Xa pola tarde, ás 19.30 horas, actuarán a Asociación Folclórica Buxos Verdes e a Asociación Folclórica Lembranzas do Tambre e ás 22.30 horas as orquestras “Olympus" e “Miramar” protagonizarán a segunda xornada do Festival Oroso en Vivo.


En canto ao domingo, o campionato de pesca infantil desenvolverase entre as 9.30 e as 13.00 horas, mentres que ás 12.00 horas comezará a animación nas rúas coas charangas “Os atrevidos” e “Os celtas”. Ás 13.30 horas, ademais do pregón do presidente da Fegamp, está programada a entrega de premios e trofeos do campionato de pesca na Alameda de Góis e, a continuación, ás 14.15 horas, actuará a orquestra “Costa Dorada” na sesión vermú.


Pola tarde, ás 19.00 horas, comezará a verbena na Alameda de Góis coa actuación do

grupo Leilía e a orquestra “Costa Dorada”.

Comments


bottom of page