Xa se poden presentar as solicitudes as axudas do LEADER, dotadas con 28,7 millóns de euros ata 2028, a maior convocatoria da historia para o desenvolvemento rural
- Crónicas da comarca
- hace 15 minutos
- 2 Min. de lectura

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; e polo alcalde de Chantada, Manuel Varela; salientou a contribución das axudas Leader ao desenvolvemento do tecido socioeconómico nas zonas rurais. Fíxoo na súa visita ás instalacións de Efigalia Energy, no polígono industrial dos Acivros, empresa que foi beneficiaria destas achegas.A titular de Medio Rural lembrou que o día 3 de febreiro publicouse a convocatoria destas axudas, que se poden solicitar desde ata o 6 de abril, as cales están dotadas cun orzamento de 28,7 millóns de euros ata 2028, a maior da historia para o desenvolvemento rural. Gómez destacou que esta distribución por tres anualidades permitirá que os beneficiarios poidan desenvolver as súas iniciativas cunha maior marxe de tempo, xa que se financiarán proxectos produtivos xeradores de emprego e autoemprego, así como non produtivos que beneficien á poboación rural.
Ademais, esta convocatoria da intervención Leader volve incluír o Bono activa rural, unha subvención que se basea nun importe de axuda a tanto global destinada á creación e posta en marcha de actividades non agrarias nestas contornas, cunha subvención máxima de 18.000 euros.
Na visita, a conselleira aproveitou para facer fincapé na proposta da nova PAC e insistiu na necesidade de blindar os dous piares fundamentais, que son as axudas directas e os fondos para desenvolvemento rural, entre os que se atopa o programa Leader.
Máis de 340 proxectos beneficiados en 2025
A pasada convocatoria de 2025 permitiu beneficiar máis de 340 proxectos e contou cun orzamento de 12,6 millóns de euros. Favorecerá a creación de 175 postos de traballo e a consolidación doutros 755. Asemade, 18 destes proxectos solicitaron a axuda co Bono activa rural.




Comentarios