A parcelaria en Casteda (Tordoia) beneficiará a 510 propietarios
- Crónicas da comarca
- 20 jul 2022
- 1 Min. de lectura

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse co alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, para analizar a proposta de reestruturación parcelaria que se levará, o próximo 27 de xullo, ao Comité Técnico Asesor, que preside o propio delegado, no que, ademais, participan todos os órganos que puideran ter algunha alegación á realización da reestruturación agraria que se propón para este concello.
Trenor explicou que nestes momentos está próximo ao seu remate o Estudio Previo de Iniciación para levalo á reunión, que terá lugar a vindeira semana, para a súa aprobación. O delegado da Xunta destacou que esta nova zona de concentración parcelaria, que se propón para Tordoia, levarase a cabo en Castenda, sobre unha superficie de 1.209 hectáreas, afectará a 3.570 parcelas e a 510 propietarios.
Neste senso, Trenor sinalou que “a través destes procesos conséguese paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade, polo que son unha ferramenta fundamental na reorganización do territorio”.
Ademais, o representante do Goberno galego indicou que se seguirán impulsando este tipo de procesos á vez que se aposta por outros instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras. Así, tal e como recolle a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, fomentaranse os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outros
コメント