O programa DesOrdes: Xeodestino Mural avanza a bo ritmo co remate do que xa é o seu terceiro mural. A obra, autoría de Nove Noel xa engalana o centro social de Aiazo no Concello de Frades.
Dita ilustración complementa a narrativa do mural plasmado con anterioridade no CPI de Xanceda, executada tamén polo artista de Rianxo. Ambas creacións hibridan elementos do mar e a terra e tal como explica Noel, o fío argumental “preséntanos unha historia en dous lances, conectando Mesía e Frades, polo medio un territorio por descubrir, por descifrar. Elas ordenan, escóitaas, aprende delas. Viaxa a través dos seus ollos. Podes empezar polo final, e chegar igualmente ao destino”.
Deste xeito, os municipios de Frades, Mesía e Trazo xa presumen das súas obras completas baixo o selo de ‘DesOrdes: Xeodestino Mural’, sendo a obra que se está a executar en Oroso a restante para completar unha iniciativa dirixida a complementar o patrimonio artístico da comarca con arte urbano, unha modalidade en auxe.
Comments